Neste mandato investíronse 1.600.000 € en renovar e ampliar a rede de augas
Publicada o 5 de Xaneiro de 2007 en Servizos, Obras
A Concellaría de Obras comunica que, logo de rematadas as últimas actuacións levadas a cabo na rede de augas no mes de decembro, a cantidade total investida desde o ano 2003 só en reposicións ascende a 623.977,44 €.
A rede de augas de Mugardos estaba construída na súa maior parte con material de fibrocemento, que xa se atopaba moi deteriorado, o que ocasionaba fugas e roturas contantes. Durante o presente mandato efectuouse a súa substitución por PVC en importantes tramos do municipio. Deste xeito, os depósitos de auga do Baño e as rúas dos Corzás, O Peteiro, A Xesteira, Castelao, As Fieiteiras, Os Casás, Celso Emilio Ferreiro, As Barcias e O Xuncedo renováronse totalmente.
Para o vindeiro ano prevese completar o amaño da rede coa Avenida de Galiza (46.548,06 €, xa solicitada ao abeiro do Plano de Obras e Servizos provincial) e pequenos tramos do casco urbano, como O Pixigo, Os Catro Ventos e O Cotellón.
Estes traballos de renovación da rede existente complementan os de ampliación que xa se están executando ou en fase de contratación, e que son os seguintes: ampliación a parte de San Xoán de Piñeiro (244.785,18 €, a piques de se adxudicar con fondos propios do Concello), ampliación a parte de Franza (274.986,54 €, Plano Operativo Local da Deputación da Coruña, en execución) e construción das bombas de impulsión O Seixo-Franza-San Xoán (470.211,23 €, a cargo da Consellaría do Medio Rural, aínda que cun 68% de fondos municipais, obra xa adxudicada e de inicio inminente).
Entre renovación e ampliación investirase neste servizo básico a suma total de 1.613.960,39 €, o que supón un importantísimo esforzo económico para as arcas municipais, salientou o concelleiro de Obras, Moisés Rivadulla, quen lembrou que durante o ano 2007 está previsto tamén o desdobramento da rede para que Mugardos poida ter unha conexión directa coa auga de Ferrol (actualmente recíbea despois de Fene e Ares) e garantir a subministración no futuro.
