Fernando Blanco traslada á SEPI un plano industrial para o sector naval de Ferrolterra
Publicada o 26 de Xaneiro de 2007 en Emprego
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presidiu esta semana en Santiago a reunión da Comisión para a Industria Naval de Ferrol, na que foi presentado un plano industrial para o sector liderado pola navieira viguesa Hijos de J. Barreras, coa colaboración financeira de Caixa Galicia e Caixanova, e que consiste na creación dun estaleiro para a construción de todo tipo de buques empregando os activos ociosos das instalacións da antiga Astano.
Segundo explicou o conselleiro, o proxecto contempla un investimento aproximado de 40 millóns de euros sobre os 600.000 metros cadrados de activos ociosos que ten Navantia Fene, e suporía a creación de entre 250 e 300 empregos directos e 2.000 indirectos.
O plano foi presentado esta semana aos membros da Comisión (forzas sindicais, empresarios da comarca e Cámara de Comercio de Ferrol), dos que Fernando Blanco destacou a súa boa actitude perante o proxecto, e que agora terán quince días para o analizar. O titular de Innovación e Industria subliñou que o novo estaleiro, ao ser de iniciativa privada, non tería limitacións á construción de ningún tipo de buques por parte da Unión Europea, e que o proxecto para a súa creación está aberto á incorporación de novos socios.
Fernando Blanco indicou que a súa consellaría, co respaldo da Comisión e do Parlamento Galego, vai iniciar os contactos coa Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) para “convencela de que este é un bo proxecto para Ferrol, a súa comarca e o conxunto da economía do país”. O conselleiro dixo que “o actual goberno da Xunta e esta consellaría non xeraron este problema, este goberno e esta consellaría están a presentar solucións”, asegurou.
A realización dun proxecto destas características suporía un importante impulso para a economía de Ferrolterra e de Mugardos. Até non hai moito tempo, eran varios centos os mugardeses que traballaban directamente no sector da construción naval.
