Apróbase o estudo de detalle do SUNC-P8 Cantón de Cora
Publicada o 24 de Febreiro de 2007 en Urbanismo
A Concellaría de Urbanismo comunica que no Pleno celebrado onte, venres 23 de febreiro, aprobouse de xeito definitivo o estudo de detalle do SUNC-P8 Cantón de Cora, na rúa do Peteiro, promovido por Varinca, S.L./Vaibem-Constr. S.L., polo que, en función do Plano Xeral de Ordenación Municipal, se poderán construír nesa parcela tres bloques con baixo cuberta +2, cun total aproximado de 60 vivendas.
Esta aprobación prodúcese logo de que o proxecto inicial presentado polos promotores fose paralizado por un decreto emitido polo actual alcalde en 2003, inmediatamente despois da súa toma de posesión, por non axustarse ás directrices do planeamento urbanístico vixente, xa que nel se suprimían as dúas rúas que separan os tres bloques para facer máis pisos. Aquel proxecto inicial contaba tamén co informe desfavorábel da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galiza.
En agosto de 2004 o Pleno do Concello aprobou unha resolución, sen validez xurídica e co único voto en contra dos catro concelleiros do equipo de goberno, para revogar o decreto de paralización da Alcaldía.
O equipo de goberno amosou a súa satisfacción pola culminación deste proxecto respectando a legalidade e o planeamento vixente.
