Concello de Mugardos

Actualidade /

Representantes da Deputación e de R avalían en Mugardos o proxecto de Internet sen fíos

Publicada o 28 de Febreiro de 2007 en Servizos, Emprego

Os deputados provinciais Pablo Villamar e Raquel Jabarés, a cargo das áreas de Promoción Económica e Novas Tecnoloxías da Deputación da Coruña respectivamente, acudiron hoxe a Mugardos acompañados por técnicos da empresa R para avaliar a marcha do proxecto piloto de Internet sen fíos para zonas rurais que se está a desenvolver no noso municipio.

Trátase dunha iniciativa financiada integramente polo organismo provincial, e que fai uso do sistema WIMAX (considerado o máis acaído para as comunicacións no exterior), co que non é precisa unha antena na vivenda receptora, senón que abonda cun módem ou unha tarxeta PCMCIA. R ten instalado xa un transmisor específico en Montefaro, cun radio de seis quilómetros de alcance.

A deputada Raquel Jabarés, nunha comparecencia á que tamén acudiron o alcalde, Xosé Fernández Barcia, e o concelleiro de Emprego, Evaristo Deus, fixo fincapé na boa acollida que está a ter este proxecto piloto, no que xa se cubriron 60 das 75 prazas dispoñíbeis. Quen desexe máis información pode chamar ao 900 825 925.

O representante de R sinalou que serían precisos cambios na actual regulación para poder estender esta tecnoloxía a toda Galiza, xa que as licenzas se conceden no ámbito estatal, o que nestes momentos imposibilita facer un investimento de envergadura só nunha comunidade autónoma.

Pablo Villamar, pola súa banda, sinalou que o departamento que dirixe pretende que a comarca non fique atrasada desta volta na súa incorporación ás comunicacións, como sucedeu co ferrocarril ou coas estradas. “Se queremos estar no futuro, debemos engancharnos, xa, ás novas tecnoloxías”. Engadiu tamén que o frustrado novo Estatuto de Nación tería outorgado a Galiza as competencias precisas para poder dar resposta ás demandas dunha poboación dispersa e con características diferentes ás de Castela ou outras comunidades. Villamar rematou dicindo que a Deputación ten a vontade de continuar e estender o proxecto, que agora só está presente nos concellos de Ames, Miño, Fene e Mugardos.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS