Publicada o Xoves 8 de Marzo de 2007 en Educación
Dentro do programa EXPOSICIÓNS ITINERANTES da Deputación Provincial, o vindeiro luns día 12 ábrese en Mugardos a exposición HISTORIA DOS NÚMEROS, que permanecera aberta até o venres 23 de marzo. O horario para visitar dita exposición é polas mañas de domingo a venres de 12:00 a 14:00 horas, polas tardes venres e sábado de 18:00 a 20:00 horas.
HISTORIA DOS NÚMEROS
A grande aventura de contar
Durante séculos, as catro operacións aritméticas que hoxe temos por elementais eran consideradas un arte escuro e complexo, patrimonio de minorías selectas, xeralmente de carácter sacerdotal. Nomear cantidades e operar con elas significaba poder e aportaba a condición necesaria para a prosperidade dun pobo.
Para o home primitivo, o concepto de número era o máis abstracto que podía caber na súa mente. Abstracto e inmanexábel até que lle inventaron unha aparencia: a cifra. Foi un longo percorrido, unha historia onde as necesidades e mais as preocupacións dos diferentes grupos sociais xogaron un papel decisivo.
As diversas mitoloxías cóntannos que os deuses outorgaron aos humanos o don da escritura, pero nada nos din respecto das cifras e a capacidade de numerar, parecía que ambas fosen anteriores á escritura. É como se os deuses non quixesen compartir cos mortais un don tan poderoso. O número houbo de ser descuberto, aprendido con esforzo, e tal debeu ser a importancia do descubrimento que os humanos dedicaron algúns deles para simbolizar os deuses e as forzas da natureza. Así, os babilonios atribuían o número 60 ao deus do ceo, Anu, o 50 a Enlil, deus da terra, e o 40 a Ea, deusa das augas.
Esta exposición invita a unha viaxe apaixonante polo universo dos números. Un percorrido didáctico onde descubrir como as sucesivas civilizacións enfrontaron o gran desafío de contar.
I. A SENSACIÓN NUMÉRICA E AS FORMAS DE CONTAR
O ser humano recoñece se algo muda, nunha pequena colección de cousas, cando alguén incorpora un obxecto ou o retira dela. É a sensación numérica, que compartimos co resto dos animais e non ten que ver coa acción de contar, un proceso mental máis complicado.
II. A INVENCIÓN DAS BASES DE NUMERACIÓN
Aprender a contar de maneira abstracta e agrupar elementos segundo unha base permitiu ao ser humano estimar, avaliar e medir diversas magnitudes: o peso das cousas, ás áreas dos campos, os volumes dos edificios, as capacidades dos bocois e das ánforas, e moito máis, creando, de vagar, unha aritmética sólida para avanzar no coñecemento do mundo.
III. O CÁLCULO
A man é o instrumento máis sinxelo e doado para contar e tamén para realizar cálculos. Para rexistrar as contas servímonos de ósos de animal e de madeira dura. Tamén de cordas e de nós, até desenvolver sistemas con maior capacidade e precisión, como os ábacos e as táboas de bólas.
IV. AS CIFRAS
A optimización da tarefa de contar levou á creación de signos gráficos que, co paso do tempo, convertéronse en cifras. Estas permitiron a representación de números cada vez máis grandes, segundo as necesidades de progreso de cada civilización, facilitando o rexistro e a manipulación dos datos.
V. O CERO E A NUMERACIÓN MODERNA
Os descubrimentos do principio de posición e mais do 0 foron determinantes para o desenvolvemento da Álxebra e das Matemáticas en xeral. Diversas civilizacións chegaron a eles, pero ningunha coa ollada dos matemáticos indios.
VI. TODO O UNIVERSO É NÚMERO
Podemos contar as areas dunha praia ou as pingas que caben nun océano? Nin aínda que vivísemos un millón de anos poderiamos achegarnos ao final da conta. Os números medran e medran en canto comezamos a contalos. Se cadra o universo é un número que está feito de números.
__________________