Adxudícanse varias obras de eliminación de barreiras arquitectónicas
Publicada o 24 de Abril de 2007 en Asuntos Sociais
A Concellaría de Asuntos Sociais comunica que na última sesión da Xunta de Goberno Local adxudicáronse tres obras de eliminación de barreiras arquitectónicas.
Estas consistirán na adaptación á normativa de accesibilidade dos colexios públicos Unión Mugardesa e Santiago Apóstolo (Franza), así como do Centro Cívico. En ambos os dous centros educativos acondicionaranse os accesos e mais os aseos, e instalaranse ascensores. No Centro Cívico actuarase nos aseos.
O orzamento total desta iniciativa ascende a 197.813,41 €, repartidos do seguinte xeito: colexio de Catro Camiños 82.241.93 €, colexio de Franza 72.055,83 € e Centro Cívico 12.124,18 €. As empresas adxudicatarias foron Varela Collazo (no caso do colexio de Mugardos) e Terrauga (colexio de Franza e Centro Cívico).
Esta importante actuación, sufragada integramente pola Deputación da Coruña (agás o custe do proxecto, que asumiu o Concello), vense sumar aos traballos xa desenvolvidos durante esta lexislatura pola concellaría que dirixe Margarida Corral referentes á accesibilidade, como a creación de accesos á praia da Bestarruza ou a adecuación de prazas de aparcamento, que fixeron que Mugardos teña actualmente a maior porcentaxe de aparcadoiros para persoas con discapacidade de toda a comarca.
É intención do Concello que as obras poidan estar rematadas no verán, para entraren en servizo no vindeiro curso escolar.
