Publicada o Xoves 3 de Maio de 2007 en Obras, Deportes
As concellarías de Obras e Deportes comunican que no Pleno celebrado este mércores día 2 de maio aprobouse, entre outros asuntos, o inicio dos trámites para contratar as obras da piscina mancomunada que compartirán Ares e Mugardos, e que se situará na parroquia de Franza. O orzamento total das obras é de 1.654.700,12 €, dos cales a Deputación da Coruña achega 1.500.000 e o resto os dous concellos, a partes iguais. A partir de agora ábrese un prazo dun mes para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas, co que os traballos poderán dar comezo este mesmo verán. A previsión do Concello é que a piscina poida entrar en servizo a principios de 2008.
No Pleno aprobouse igualmente a sinatura dun convenio coa Consellaría de Innovación e Industria para soterrar o tendido eléctrico na avenida da Areosa, así como solicitar á Xunta a clausura e o selado definitivo do vertedoiro do Segaño.