Concello de Mugardos

Actualidade /

Mugardos contará con abastecemento de gas cidade

Publicada o 18 de Maio de 2007 en Xeral, Servizos

Logo das xestións realizadas perante a Consellaría de Innovación e Industria, o alcalde, Xosé Fernández Barcia, mantivo nos pasados días unha xuntanza co director xeral de Gas Galicia, Juan José Picón Couselo, e co seu delegado para a zona de Galiza norte, Antonio Martínez Martínez, onde se analizaron as posibilidades de abastecer o noso municipio con gas cidade. Dentro deste contexto, baralláronse as opcións de facer unha conexión directa a través da regasificadora ou conectarse directamente á rede estatal.

Dado que o Concello ten previsto, por medio dun convenio xa asinado coa Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, desdobrar a rede de auga para ter unha conexión directa con Ferrol a través de Fene, aproveitarase esta mesma obra, na que é necesario abrir a estrada, para instalar a canalización de gas e acometer ao mesmo tempo estas dúas actuacións tan importantes para o futuro de Mugardos.

O alcalde manifestou a súa satisfacción por esta noticia, “xa que non sería moi lóxico que Mugardos albergase unha planta de gas e que carecese deste servizo esencial para a subministración de enerxía aos fogares”, dixo Barcia. Isto tamén posibilitará o abastecemento ás empresas que hai actualmente na nosa vila e ás futuras que se poidan instalar no parque empresarial.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS