Concello de Mugardos

Actualidade

Organízase unha rota ciclista escolar para o venres 25

Publicada o Xoves 24 de Maio de 2007 en Educación, Deportes

A Concellaría de Educación informa, que seguindo co desenvolvemento do Programa educativo Tempo para a convivencia, mañá terá lugar unha rota ciclista polo Concello na cal participaran todos os centros escolares (CEIP Franza, CPR Loyola, IES Mugardos, CEIP Unión Mugardesa). Esta actividade canalízase a través da Concellaría de Deportes.

O alumnado levará casco e roupa deportiva, en previsión de chuvia un chuvasqueiro. Todos/as os/as participantes respectarán as normas de circulación. O percorrido estará aberto ao tráfico indo o grupo encabezado e pechado por coches municipais.

Saída ás 10 do pavillón do Cristo polo camiño dos Pedrosos cara o lugar de Roibeiras dirección á Queira, antes deste lugar atopamos o río Baño e antes de cruzalo tomamos o desvío á dereita (1,2 km) para saír ao lugar do Baño coa fermosa enseada do mesmo nome (1,8 km) nun ascenso chegamos á punta Redonda. Ao pasar o lugar da Redonda abandonamos as últimas vivendas do Concello para atoparnos co Castelo da Palma (3,5 km), impresionante fortificación militar orixinaria do S.XVI que controlou no seu día a entrada da ría conxuntamente co Castelo ferrolá de San Felipe, nese lugar vemos a enseada de Nande e a punta de San Martiño. Neste punto facemos unha parada para observar a ría e descansar. Continuamos uns 2 km até a punta do Segaño, onde se atopan diversas baterías e instalacións militares abandonadas. Desde aquí desfacemos o camiño andado até o lugar do Baño (8,5 km), onde aos 400 m de comezar a subida do Pazo das Condesas na L-131 tomamos un desvío á dereita que nos leva á igrexa de San Xiao de Mugardos (9,7 km) e desde alí chegamos á rúa do Cristo e ao Pavillón (10,2 km). Ao remate da rota teremos un avituallamento no pavillón do Cristo.

A rota farase de 10 a 13 horas, para alumnado de entre 10 e 16 anos.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2008 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS