Vicepresidencia concede a subvención para mercar o Cine Zárate
Publicada o 26 de Xuño de 2007 en Xeral, Cultura, Asuntos Sociais
O Concello de Mugardos acaba de recibir unha notificación por parte da Dirección Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Xunta de Galiza, na que se comunica a concesión dunha axuda económica de 580.000 €, correspondente á anualidade de 2007, para proceder á merca do Cine Zárate, co fin de rehabilitalo e construír nel un centro de día e un auditorio multiusos. Cúmprese así o compromiso adquirido polo vicepresidente, Anxo Quintana, de colaborar na recuperación do edificio para usos públicos.
No pasado mes de maio, Xunta, Concello e propietarios xa acadaran un acordo sobre o traspaso do edificio. Corresponde agora ao Concello formalizar a compra e remitir á administración autonómica o proxecto de rehabilitación.
A recuperación deste inmóbel, un dos máis emblemáticos da nosa vila, permitirá poñer en valor unha zona céntrica de Mugardos e dotar á nosa vila de dúas infraestruturas tan importantes como son un centro de día para maiores e un auditorio multiusos. Segundo os estudos previos xa realizados, as obras terán un prazo de execución de doce meses, co que ao longo de 2008 os mugardeses e mugardesas xa poderemos gozar deste novo espazo público.
