As obras da vivenda sociocomunitaria executaranse en catro meses
Publicada o 4 de Setembro de 2006 en Asuntos Sociais
A Concellaría de Asuntos Sociais do Concello de Mugardos comunica que na mesa de contratación celebrada hoxe xoves 4 de setembro decidiuse propoñer a adxudicación das obras de rehabilitación de vivenda para destinala a vivenda sociocomunitaria á empresa ERGO, SL, cun orzamento de 78.888,42 € e un prazo de execución de catro meses.
A casa en cuestión, un edificio de propiedade municipal actualmente desocupado, sitúase xusto fronte á parcela do cuartel da Garda Civil, emprazamento tamén das futuras vivendas sociais, e permitirá dotar dunha vivenda digna a unhas seis persoas. De xeito idóneo, os candidatos a ocupala serían maiores que vivan sós ou persoas con discapacidade non dependentes.
