Concello de Mugardos

Actualidade /

Adxudicadas as obras das beirarrúas Mugardos-Rilo

Publicada o 5 de Setembro de 2006 en Obras

A Alcaldía do Concello de Mugardos comunica, segundo información facilitada pola Consellaría de Política Territorial, que a empresa adxudicataria das obras de construción de beirarrúas no tramo Mugardos-Rilo da AC-133 resultou ser Construcciones Ponciano Nieto, SL. O orzamento da obra é de 370.550,47 €, cun prazo de execución de cinco meses.

A devandita obra, que permitirá rematar co problema da falta de seguridade viaria que se viña padecendo desde sempre neste importante tramo da estrada de titularidade autonómica, inclúe tamén retranqueo de postes e separación de augas pluviais, e responde a unha antiga demanda da cidadanía de Mugardos.

Esta adxudicación vén culminar un longo proceso de xestión por parte do goberno municipal, comezado co anterior goberno da Xunta e prolongado co actual bipartito. O pasado 16 de marzo, o Consello da Xunta presidido por Anxo Quintana xa validara definitivamente o convenio entre as administracións local e autonómica no que se insire esta actuación, segundo o cal o Concello pagaba o proxecto e recollía as cesións de terreos e a Xunta financiaba a obra, iniciándose así o proceso de licitación.

Actualmente o equipo de goberno continúa a xestionar perante a Xunta a construción do resto dos tramos afectados da AC-122 e a AC-133, nomeadamente nas zonas de Franza e San Xoán de Piñeiro, para os cales agardamos ter tamén unha pronta solución.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2009 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS