Publicada o Venres 5 de Outubro de 2007 en Obras
A Concellaría de Obras comunica que este venres visitou Mugardos o delegado provincial da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Alberto González, quen presentou o proxecto de seguridade viaria nos tramos das estradas AC-122 e AC-133 ao seu paso por San Xoán de Piñeiro e parte de Franza (avenida Francisco Vizoso), de alta intensidade de tráfico.
A actuación conta cun orzamento de 3.000.000 de euros, e inclúe non só beirarrúas, beiravías, renovación do alumeado e do saneamento, reposición de firme, aparcadoiros, marquesiñas e separación de pluviais, senón tamén a construción de interseccións e unha rotonda na Gallada, cun novo acceso ao Seixo a través da Penela. A administración autonómica vai comezar en breve o proceso de expropiación dalgúns terreos que precisa para a ampliación da vía, que será paralelo á licitación. O prazo de execución dos traballos unha vez adxudicados é dun ano, polo que a previsión do Concello é que poidan estar rematadas a principios de 2009.
O delegado destacou “as boas relacións institucionais que están a manter o Concello e a Consellaría, que frutifican na materialización de proxectos desta envergadura”, e afirmou que esta iniciativa recollía “a sensibilidade do Concello, a Xunta e a veciñanza”.
O alcalde, Xosé Fernández Barcia, incidiu pola súa banda en que este proxecto supoñía a culminación dun intenso traballo de xestión por parte do equipo de goberno perante a Xunta, e que xa comezara a concretarse coas beirarrúas da Pedreira, a piques de ser rematadas.
As novas obras de San Xoán faranse de xeito paralelo á instalación da auga, adxudicada hai uns meses polo Concello con fondos integramente municipais, e para a cal se aproveitará o desmonte que se faga coas beirarrúas.