Aberto o prazo de inscrición na III Carreira Popular de Fin de Ano Ares-Mugardos
Publicada o 19 de Decembro de 2007 en Deportes
Un ano máis, e xa van tres edicións, os Concellos de Ares e Mugardos xúntanse co gallo de desenvolver a III Edición da Carreira de Fin de Ano Ares-Mugardos, que desta volta se celebra o día 30 de Nadal, domingo, ás 11 da mañá, con saída e chegada ao Concello de Mugardos, pasando polo Concello de Ares.
A proba, como ben se sabe, é popular, non competitiva, e na pasada edición tivo unha participación que se achegou aos 250 inscritos. A distancia a cubrir é a correspondente á estrada que une Mugardos e Ares, cubrindo pois 10 km. A saída será dende Mugardos, concretamente no Pavillón Polideportivo do Cristo.
Posto que o carácter que sempre se lle dá é o dunha grande proba popular, non existen premios por posto nin categoría, senón que se premia a participación de todos os deportistas que nos queiran acompañar. Na chegada, farase un sorteo de agasallos do Nadal e vales en materiais deportivo, así como a entrega dun recordo de participación a cada deportista. Contarase ca presenza dos máximos mandatarios de ambos Concellos así como dos diversos patrocinadores que fan posíbel este evento deportivo e do persoal de Protección Civil, e Policías Locais das dúas vilas que tamén colaboran.
Xa está aberto o prazo de inscrición na proba, podendo facerse nos teléfonos 981448057 ou no 981470338.-Ext.3, así como nas dependencias administrativas de Deportes dos Concellos de Ares e Mugardos. Dende a organización advírtese de que só hai 300 prazas, e que se outorgarán por rigorosa orde de inscrición.
