Concello de Mugardos

Actualidade /

A campaña "A limpar o mundo" retira tonelada e media de lixo do porto

Publicada o 18 de Setembro de 2006 en Medio Ambiente

A edición de 2006 da campaña internacional A limpar o mundo, auspiciada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), saldouse en Mugardos coa retirada de tonelada e media de lixo no peirao.

No acto, organizado polo Concello de Mugardos e a Sociedade Galega de Historia Natural, e no que colaboraron tamén ADEGA, Protección Civil e a sección de mergullo do Club do Mar de Ferrol, así como outras asociacións e voluntarios a xeito individual, participaron algo máis de cincuenta persoas, entre mergulladores e persoal de terra, que retiraron entre as 16:00 e as 19:00 horas de domingo nasas, pneumáticos, redes, ferros, botellas, plásticos, latas e restos de deterxente depositados nos fondos mariños do porto mugardés.

Trátase da sétima edición desta campaña que se desenvolve na nosa vila. A escala internacional, a iniciativa, xurdida en Australia, leva realizándose desde hai xa catorce anos (www.cleanuptheworld.org). O concelleiro de Medio Ambiente de Mugardos, Moisés Rivadulla, agradeceu a súa axuda a todas as persoas que colaboraron. “Confiamos en que iniciativas coma esta sirvan para concienciar a xente, especialmente os máis novos, sobre a necesidade de coidar o noso entorno”, manifestou.

En conxunto, esta campaña leva retiradas xa máis de doce toneladas de lixo do peirao de Mugardos.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS