Concello de Mugardos

Actualidade /

Organízanse as X Xornadas de Igualdade de Oportunidades

Publicada o 20 de Maio de 2008 en Muller

As Xornadas de Igualdade de Oportunidades de Mugardos nacen no outono de 1999 dende a Concellería de Asuntos Sociais co fin de impulsar a creación do I Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres dun xeito participativo, discutido e dialogado.

Acadado ese obxectivo, viuse que había unha necesidade, nas esferas de toma de decisións políticas, axentes sociais e cidadanía de dispor de espazos comúns onde reflexionar, aprender, dialogar, discutir, decidir e intercambiar experiencias, sobre este novo-vello constructo da igualdade. Así pois as xornadas instauráronse ofrecendo a cidadanía de Mugardos un espazo de reflexión e aprendizaxe.

Nas xornadas compartíronse saberes e perspectivas das diferentes políticas/os nacionais e internacionais. Pasaron por aquí sociólogas, psicólogas, economistas, filósofas, sindicalistas, avogadas, xuíces, ONGDs, e asociacións, médicas/os, mestras, lingüistas, escritoras, xornalistas, etc. que compartiron con nós os seus diferentes saberes e as súas perspectivas do mundo. Arredor de 700 persoas asistiron de forma participativa e construtiva, propiciando o debate e permitindo mellorar ano tras ano.

Pretendemos celebrar o décimo aniversario das xornadas recoñecendo, agradecendo e invitando a todas/o aquelas/es mulleres e homes que ofreceron o seu esforzo e a súa contribución para que ano tras ano as xornadas fosen unha realidade. Así mesmo pretendemos con esta celebración compartir a ilusión pola loita a prol dun mundo mais xusto, pacífico e igualitario.

PROGRAMA

Venres 30 de maio, Casa do Concello

  • 17:00 Inauguración a cargo de Xosé Fernández Barcia, alcalde de Mugardos, e Anxos Díaz Prados, concelleira de Benestar Social, Igualdade e Sanidade.
  • 17:15-19:45 Obradoiro divulgativo de Bancos de Tempo
  • 20:30 Teatro na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega do Seixo: Vaguedás, de Teatro do Lume

Sábado 31 de maio, Casa do Concello

  • 10:45 A construción social das mulleres no Terceiro Mundo, de María Xesús Pena Castro, doutora en Antropoloxía Social e profesora da Universidade de Salamanca e Presidenta de ALGA
  • 11:45 Pausa
  • 12:00 As bicicletas son para as mulleres: unha historia de construción social das mulleres, de Ana Pérez Cardoso, técnica de Igualdade do Concello de Allariz
  • 13:15 Neurociencia, ética e xénero: proposta para a revisión da construción sexual da realidade, de Cristina Caruncho Michinel, profesora de Ética e Deontoloxía do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo

A sesión de tarde realizarase no Casino de Mugardos

  • 18:00 Exposición de traballos do Concurso pola Igualdade
  • 18:30 Presentación de DVD divulgativo sobre as mulleres mugardesas
  • 19:00 Clausura das X Xornadas a cargo de Xosé Fernández Barcia, alcalde de Mugardos, e de Tareixa Novo Arrojo, delegada provincial da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar
  • 19:30 Recital poético feminino a cargo de Lucía Aldao e María Lado
  • 20:30 Actuación musical do grupo de cantareiras “Xestheu”

Inscricións: departamento de Servizos Sociais e Igualdade, avenida de Galiza 45, tel. 981 470 338, fax 981 472 017, correo-e: servicios.sociales@mugardos.dicoruna.es

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS