O Concello ampliará a rede de auga a San Xoán de Piñeiro
Publicada o 27 de Setembro de 2006 en Urbanismo, Servizos, Obras
O Concello de Mugardos comunica que no Pleno celebrado o pasado luns aprobouse unha modificación de crédito, con cargo ao remanente de tesouraría do ano 2005, para habilitar unha partida de 244.785,18 € destinada á instalación da rede de abastecemento de auga na parroquia de San Xoán de Piñeiro, concretamente en ambas as dúas marxes da estrada autonómica AC-122, no tramo comprendido entre A Gallada e Limodre. Esta actuación realízase logo do anuncio da Xunta de Galiza de que sacará a contratación as beirarrúas nesa zona este mesmo ano, o que aconsella instalar canto antes a auga, para evitar ter que investir posteriormente unha cantidade moito maior en reposicións.
No devandito Pleno foi aprobado tamén o estudo de detalle da nova rúa que conectará as rúas Os Corzás e Castelao, e cuxa apertura e urbanización correrán integramente a cargo do promotor urbanístico que vai edificar alí un bloque de vivendas, tal e como estabelece o Plan Xeral de Ordenación Municipal actualmente en vigor.
