Publicada o Xoves 16 de Novembro de 2006 en Facenda
A Concellaría de Facenda comunica que no Pleno celebrado o día 14 de novembro aprobouse a modificación das cinco ordenanzas fiscais reguladoras de impostos para o exercicio 2007.
Tanto a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmóbeis (IBI) como as dos impostos de vehículos de tracción mecánica (IVTM), incremento de valor dos terreos de natureza urbana (“plusvalías”), actividades económicas (IAE) e construcións, instalacións e obras (ICIO) increméntanse segundo o IPC, con dúas excepcións: o IAE da zona especial (Punta Promontoiro), que pasa do 2’5% actual ao 3’5% —sendo o tope legal o 3’8%, que teñen estabelecido outros concellos industriais como Ferrol ou As Pontes— e o IBI específico para industrias de produción de enerxía e similares, que pasa do 1% ao seu tope legal de 1’3%. Este último tributo, que non se cobrou nunca por carecer Mugardos de industrias desta índole, comezarase a recadar cando inicie a súa actividade a planta regasificadora, e suporá previsibelmente unha importante contribución económica aos fondos municipais.