Concello de Mugardos

Actualidade /

O Pleno rexeita a integración do Concello no Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e o Benestar

Publicada o 1 de Decembro de 2006 en Asuntos Sociais

A Concellaría de Asuntos Sociais comunica que o Pleno do Concello, na súa sesión ordinaria deste mes de novembro, rexeitou a integración no Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e o Benestar. O Consorcio é unha entidade, promovida pola Vicepresidencia da Xunta, pioneira no eido dos servizos sociais, aos que pretende dotar dun financiamento estábel e unha xestión participativa. A administración autonómica investirá nos dous vindeiros anos máis de 130 millóns de euros na construción de centros para maiores e escolas infantís en toda Galiza. Un municipio do tamaño de Mugardos, por exemplo, podería optar a ter un centro de día e unha segunda escola infantil municipal.

Os estatutos do propio Consorcio estabelecen que a integración no mesmo require a aprobación do Pleno cunha maioría absoluta, e a proposta do grupo de goberno recibiu neste caso 4 votos a favor (BNG), 2 en contra (IpM) e 7 abstencións (PP, PSOE e IU), un respaldo insuficiente.

Respecto ás xestións que se están a levar a cabo para a construción dun centro de día para maiores en Mugardos, a concelleira de Asuntos Sociais, Margarida Corral, declarou: “A ausencia do Consorcio non implica automaticamente que Mugardos non poida ter esta infraestrutura, pero si será moito máis difícil, xa que a Xunta destinará a maior parte do seu financiamento aos concellos integrados nel”. Corral sinalou ademais que o seu departamento facilitara previamente aos diversos grupos políticos toda a información referente ao Consorcio, na procura dun consenso, e mostrouse sorprendida polo resultado na votación. “Numerosos concellos, de todas as cores políticas, están a incorporarse ao Consorcio, como acaba de facer Ferrol”, dixo.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS